Tuesday 14 de May de 2024

Rueda anuncia a reserva de máis de 28 M€ nos orzamentos do vindeiro ano para iniciar a Fase 1 do novo CHUAC coa licitación da torre polivalente a comezos de 2023


— Lembra que o CHUAC foi premiado durante tres anos consecutivos co Best In Class ao mellor hospital de España de Alta Complexidade

— Destaca o carácter innovador e pioneiro do complexo, que foi o primeiro en acometer un transplante de órganos en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou hoxe demostrado o compromiso do Goberno galego co novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña coa partida de 28,5 millóns de euros reservada nos Orzamentos de 2023 para botar a andar a fase 1 do novo CHUAC, que dará comezo coa licitación da Torre Polivalente no primeiro trimestre de 2023.

Así o anunciou o mandatario galego durante a súa participación no acto do 50 aniversario do CHUAC, ao que situou como faro de excelencia sanitaria e ao que considerou reflexo dunha Galicia que promove, estima e demanda “unha sanidade de primeiro nivel”, en referencia aos 8.000 empregados, 800.000 consultas anuais e 200 transplantes.

Na súa intervención, Rueda subliñou o valor que os Orzamentos de 2023 lle conceden non só a este complexo hospitalario, senón a toda sanidade pública galega, xa que dous de cada cinco euros dos recursos autonómicos do vindeiro ano destinaranse a esta área, que contará cun orzamento récord de 814 millóns de euros, un 8 por cento por riba do ano pasado.

Obras de renovación do CHUAC

En canto as obras de renovación do CHUAC, o presidente da Xunta lembrou que neste intre estase a rematar no complexo hospitalario a fase 0 do proxecto, no que o Goberno galego investiu 13 millóns de euros, que permitirá abrir unha nova área de Hospital de Día e unha nova planta de hospitalización. O obxectivo é finalizar as obras este mesmo ano para que as distintas áreas poidan funcionar a comezos de 2023.

“Será un novo hospital, pero tan CHUAC coma sempre, porque conlevará marca de vangarda, modernidade e innovación”, aseverou Rueda ao tempo que gabou o carácter innovador e pioneiro do complexo hospitalario coruñés, que foi o primeiro en acometer un transplante de órganos en Galicia; en implantar o primeiro corazón artificial; en dispoñer dun Banco de Pel de España; e en acreditar unha Unidade de Queimados.

Ante este tipo de iniciativas e fitos, o presidente da Xunta puxo en valor que durante tres anos consecutivos fose premiado coa distinción Best In Class ao mellor hospital de España de Alta Complexidade. Por iso, considerou un orgullo para A Coruña, para a contorna e para toda Galicia dispoñer deste complexo hospitalario.